Proxecto

Necesidade

Os medios de comunicación, a través dos seus contidos, estigmatizan, marxinan e criminalizan a individuos e colectivos da cidade e do rural (muller, migrantes, persoas con diversidade funcional, mozos…), sen ter en conta moitas veces os seus dereitos, instalando prexuizos nas comunidades e graves diferencias nas relacións e na convivencia que se desenvolven na cidade. Cómpre que os afectados enfronten a vulneración que os medios exercen sobre eles. A pretensión de establecer círculos de lectura crítica, á vez fluidos e permanentes, é exercer un control social sobre os medios, unha vixianza para evitar a vulneración dos dereitos dos colectivos da cidade.

A mocidade compostelá, un dos grupos vulnerables, convértese nesta experiencia nun axente fundamental que, desde a comprensión da vulnerabilidade doutros colectivos da cidade e do rural, articula un diálogo participativo xunto con eles, partinda da lectura crítica dos contidos mediáticos.

O propósito é activar novas interpretacións que equilibren as realidades que constrúen os medios, creando axendas e accións que procuren estratexias de acceso aos medios, réplica, negociación e creación de relatos, prácticas de comunicación e/ou medios colectivos e propios máis xustos.

Co concurso das organizacións que loitan desde a cercanía, asumindo os problemas e necesidades destes colectivos, os mozos aprenderán a facer emerxer as experiencias de vulnerabilidade, as carencias e o devezo de ser  de existir no territorio.

Dispositivo

Créase un observatorio de comunicación cidadá, cuxa expresión máis importante é esta páxina web de difusión de contidos, onde entrecruzar actividades e interpretacións dos colectivos vulnerables, dende onde exemplificar os procesos mediáticos inapropiados e non axustados á realidade e visibilizar as fontes que fican ocultas e as cales se lles nega a voz.

O dispositivo funciona a partires da creación de círculos de lectura, que atenden a diferentes temáticas ao redor de sectores afectados polas estratexias e normas de mediatización hexemónica dos medios de comunicación de masas. Prodúcense así, debates dentro dos propios círculos respecto de contidos dos medios e das experiencias comúns, nun proceso de aprendizaxe e servizo.

Nestes círculos formalízanse estratexias de acceso aos medios, de oposición e de negociación, ao través de propostas de acción e actividades que fagan emerxer lecturas máis equilibradas e xustas.

Xeraranse, durante esta actividade, un total de 5 círculos de lectura, conformados por entre 3 e 6 persoas. Así mesmo, intervirán en cada un dos círculos, un grupo de estudantes, que axudarán a levar a cabo a lectura e, posteriormente, difundirán na web e nas redes sociais os debates e interpretacións xerados, e as axendas e actividades emprendidas, no marco da análise e da acción visibilizadora.

A orientación das publicacións comprende tanto o texto escrito, como o video e os podcast. Forneceranse deste xeito, os piares dun medio comunitario, xestionado polos estudantes.

 

Organización e funcionamento

O proxecto estructurarase en torno a cinco círculos de lectura temáticos:

  • C1: Movilidade
  • C2: Muller
  • C3: Pobreza
  • C4: Representación da cidade
  • C5: Universidade e cidade

Cada un destes círculos reunirase tres veces, froito de ditas reunións, xerarase contido que ilustre os debates acaecidos e as reflexións e propostas esgrimidas polos participantes dos círculos. Ademais, en cada un dos círculos xerminará unha acción comunicativa, que busque combater os problemas detectados en cada un dos ámbitos temáticos. Dita acción será prantexada de forma conxunta polas persoas que participan nos círculos e o estudantado. Finalmente, levarase a cabo un acto no que se presentará o traballo realizado e se porán en común as reflexións que surxiron no seno dos diferentes círculos.

 

Execución

A execución deste proxecto corre a cargo do grupo de investigación da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Cidadanía e Comunicación (CIDACOM). Nesta labor, CIDACOM contará coa colaboración da asociación Acción en Común para o Diálogo Social (ACCOM).

Banner Institucional