Tratan os medios como deberían o tema da prostitución?

WhatsApp Image 2018-11-02 at 14.52.47

(01/11/2018)

Muller: Mar Álvarez, Paula Padín e Antía Araújo

Libraría Lila de Lith

“A igualdade é unha palabra moi bonita pero morre o 9 de marzo. Que este xornal non me diga nunha páxina que sae á rúa contra as violencias machistas cando nas últimas ten anuncios de prostitución”, defende Sofía Rama, profesora e líder sindical da CIGA na sección de educación en Compostela, ante a noticia de El Correo Gallego do 28-10-2018. En resposta, Uxía Castro, representante da asociación Curuxa Feminista, asegura que “nos medios dáse moito o discurso de vítima pero tampouco se fai nada máis alá, non hai axudas nin para as propias prostitutas nin para os fillos, e iso crea unha estigmatización interxeracional”. María Mancebo, representante do sindicato estudantil ANEGA, conclúe que “automaticamente ese estigma colócanos nun segundo lugar”.

Estas persoas son o dobre, incluso o triplo, de vulnerables, pois son mulleres, prostitutas e migrantes e esa situación tan complexa nunca se explica nas noticias” declara Lara Rozados, xornalista e integrante da plataforma A Sega. Xoán Domínguez, estudante de Santiago, engade que “os medios adoitan tratar o tema da prostitución focalizándose nas mafias cando o cliente vén sendo igual de culpable que quen organiza todo.”

Estas reflexións lévannos a falar da seguinte nova de El Correo Gallego do 12-01-2018. “Fálase dos puteros como grandes empresarios, como se estivesen creando postos de traballo”, afirma Uxía Castro e engade “temos a imaxe do putero excluída da sociedade e realmente non é así”. E en relación á noticia, tratando o propio termo de “prostituta”, Sofía Rama, defende que “ ‘traballadora sexual’ é un eufemismo, dulcifica a realidade. Son mulleres explotadas sexualmente e os medios deben utilizar esta linguaxe”. Ademais, di Lara Rozados: “son complemento axente, nin sequera son suxeito”.

WhatsApp Image 2018-11-02 at 14.52.46.jpeg
Na imaxe: Xoán Domínguez, María Mancebo, Sofía Rama, Uxía Castro, Lara Rozados e nós

Se realmente defendes a igualdade isto ten que desaparecer do teu medio” aporta María Mancebo referíndose aos anuncios que ocupan as páxinas finais de El Correo Gallego. Ante isto, Lara Rozados cuestiona “por que esiximos coherencia aos individuos e non ás empresas que teñen unha responsabilidade pública, como é o caso dos medios”.

En canto aos estereotipos que se lles atribúen ás prostitutas de criminais ou vítimas, Uxía afirma que “estas son tratadas coma números nos medios”, mentres que Sofía Rama defende que, dependendo dos medios, “hai casos nos que, por unha parte, son vítimas que temos que rescatar e, por outra, son asociadas á droga, crime, etc.”

Trala lectura dalgunhas novas, como a de La Voz de Galicia do 17-03-2001, Uxía Castro destaca o concepto “intercambio de fluídos” ou “negocio en decadencia”, defendendo que “é necesario medir as palabras para crear un imaxinario colectivo mediante termos como prostitución e ventres de aluguer, e non eufemismos”. Resalta, ademais, a cantidade de termos branqueadores que existen, como muller pública ou asistenta sexual.

No tocante ao tratamento dos medios desta realidade, María Mancebo engade que “informar é nomear a realidade, non interpretala, tapala ou cubrila”, como asegura que ocorre na prostitución. Ademais, Sofía Rama defende que “hai que focalizar o problema no cliente e no dono da empresa”. “Non se pode dicir: é vítima, e xa está”, asegura Uxía. En relación a isto, Xoán Domínguez engade que, dende a súa perspectiva de home, á marxe de informar de xeito obxectivo, os medios deben reflectir un debate real e sosegado: “que se lle dea voz no contexto que sexa e que a xente teña referencias grazas aos medios sen ter que ir buscar eles a información”.

Tódalas participantes concordan en que os medios deberían cambiar as súas fontes, eliminar os anuncios de prostitución das súas páxinas, buscar o enfoque da muller e tamén, “evitar situar as noticias na sección de sucesos comparándoas con accidentes puntuais, pois é un tema político de gran importancia e debería estar nas primeiras páxinas”, como asegura Xoán Domínguez. Uxía Castro considera que “son casos illados que algunha vez escoitas e igual hai que interrelacionalos e pensar o porqué”. Tamén afirma “eu creo que é unha responsabilidade dos medios non tratalo como sucesos, senón como unha estrutura patriarcal, cousa que nunca se fai”. Ademais, Sofía Rama defende que “é necesario ter como fontes de primeira man ás propias prostitutas, pois os medios a quen lle dan voz son sempre aos proxenetas”.

Co noso círculo de lectura, acordamos realizar como acción final a escolla dunha serie de titulares mal formulados coa súa correspondente corrección e colgalos pola cidade de Compostela. Para levar a cabo dito proxecto, contariamos coa axuda do círculo que buscarían e corrixirían con nós ditos titulares.

Conversaron connosco:

Uxía Castro, A Curuxa Feminista.

Lara Rozados, xornalista. A Sega.

Sofía Rama, profesora. CIGA.

María Mancebo, ANEGA.

Xoán Domínguez, estudante.

Un comentario en “Tratan os medios como deberían o tema da prostitución?”

  1. Quero agradecervos que me convidarades especialmente a este círculo de lectura crítica, porque, ante a prostitución, “a xente de ben” comportámonos como os tres monos sabios.

    Levamos toda a vida falando de mulleres que “se prostitúen”, deixándonos atrapar polos prexuízos e polos significados de palabras que non son tales, que foron xerados maliciosamente, intencionadamente, desde o poder sempre masculino. As mulleres “entréganse á prostitución”, obrigadas sobre todo pola pobreza (https://www.elcorreogallego.es/santiago/ecg/perfil-prostitucion-area-santiago-joven-extranjera-hijos/idEdicion-2017-12-12/idNoticia-1089315/ ), pero son os proxenetas quen “as prostitúen”; pois, segundo a RAG, prostituír é incitar ou obrigar a unha persoa a ter relacións sexuais con outra a cambio de diñeiro ou doutro beneficio.
    En consecuencia, como podemos entender este titular: Aceptan dos años de cárcel por obligar a prostituirse a una joven en Santiago (https://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/2017/09/16/aceptan-dos-anos-carcel-obligar-prostituirse-joven-santiago/0003_201709S16C5993.htm )?
    “Obrigar a prostituírse”? Non sería mellor chamarlle ao pan pan e ao viño viño: “prostituír” ou “obrigar a manter relacións sexuais a cambio de cartos”?

    Convivimos coa prostitución desde idades ben temperás e observámola mesmo desde os valados dos campos de fútbol de propiedade municipal, nos que xoga a rapazada menor de idade (https://www.elperiodico.com/es/extra/20181025/piden-retirar-anuncio-prostitucion-campo-futbol-galicia-7109207 ), pero nin os consumidores, nin os proxenetas son estigmatizados, só as prostitutas, as mulleres explotadas sexualmente, as escravas sexuais, parecen ser o problema, porque atascan o “lifting” do Pombal, en Compostela.

    Elas, as prostitutas, son a punta do iceberg no que se agochan outros usos machistas do corpo da muller, como a publicidade sexista. No ano 2016 só se presentaron 15 denuncias en Galicia por sospeitas de publicidade sexista e no ano 2017 só 6 denuncias acabaron ante a xustiza . Desde a súa constitución en novembro de 2014, a Comisión asesora de publicidade non sexista da Xunta de Galicia atendeu só 82 denuncias. Realmente parece que non vemos o problema, que escollemos comportarnos como os tres monos sabios.

    Alégrame que vós nos obriguedes a quitar as mans dos ollos, das orellas e da boca.
    Grazas polo voso traballo!

    Gústame

Comentarios

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s