Non é doado mudar o xeito de comunicar e ver Compostela, consensúa o Círculo de Representación da Cidade.

(9/11/2018)

Representación da Cidade: Celia Eiras, Pablo Rañales, Eugenio Muñoz

Cafetería Airas Nunes – Rúa do Vilar

A miña experiencia falando con xente tanto de fóra do Estado español como doutras zonas de España é que sempre van asociar Santiago co Camiño. É o que exportamos como imaxe, o que abandeiran todas as políticas de comunicación”, comenta Lois Froiz, cineasta compostelán, ante unha nova de El Correo Gallego (22 de outubro de 2018).

Deiviz Kostoya, xornalista e pintor, pola súa parte razoa que “ao final vas ao Obradoiro e a partir de aí comezas a moverte polo resto da cidade […] Ti se vés a Santiago queres ver a razón pola que a xente peregrinou durante mil anos. É imposible escapar disto, porque foi o que fixo a Santiago ser Santiago”. Ángel Vidal, fotógrafo e músico, apunta que a percepción de Santiago en Galicia é diferente: “Cando eu vivía en Lalín, Santiago era a cidade grande, a metrópole á que ir cando queres facer algo”. Porén concorda con Lois Froiz en que tanto dentro como fóra de España, Santiago só é catedral”.

Lara Salgado, xornalista e asesora de comunicación do Concello de Santiago, considera que se poden comunicar moitas máis cousas da cidade máis aló da catedral: Santiago é capital: é a segunda cidade de Europa con máis zonas verdes por habitante, unha zona universitaria e tamén un punto de confluencia de moitas parroquias e concellos”. Mais fai fincapé na dificultade de realizar un cambio no paradigma comunicativo pola potencialidade da catedral, que marca a diferenza. Lara analiza ao respecto a metodoloxía de traballo nas redaccións dos xornais: Os medios ao final van falar dos temas que lles leven, eu non coñezo ningún xornalista que vaia coller un tema el mesmo. Non hai medios, non hai xente, non hai diñeiro… Cúbrese o do día, as notas de prensa”.

r2 2
“Sempre se vai asociar Santiago co Camiño. É o que exportamos como imaxe, o que abandeiran todas as políticas de comunicación”

A dicotomía entre o patrimonio artístico máis clásico e as formas de expresión artísticas contemporáneas de Santiago lévanos de volta a El Correo Gallego (26 de setembro de 2018) sobre a situación do CGAC, o Centro Galego de Arte Contemporáneo. Ángel Vidal céntrase na convivencia entre o CGAC e toda a contorna de Bonaval, coas súas diferenzas artísticas. Amosa unha das súas fotografías. “Santiago engloba as dúas cousas, e as dúas cousas poden convivir completamente. Non é que encaixen en termos obxectivos mais o contexto de todo Santiago faino posible. Santi Acosta, poeta e estudante de Historia da arte, analiza a situación do CGAC: “Está baleiro, a metade do museo está pechado ao público… é unha pequena visualización da Cidade da Cultura”.

Unha nova de Praza Pública (22 de setembro de 2018) sobre a futura obriga de pagar dez euros para visitar o Pórtico da Gloria, proxecta o diálogo sobre esta proposta económica que se debate na cidade. Lara Salgado admite as contradicións que lle crea. Hai que poñer en valor as cousas, e desgraciadamente só o facemos cando temos que pagar por elas. O que pasa é que neste caso se investiu tanto diñeiro de todos, tanto diñeiro público en arranxalo, que cando ves que a Catedral ten once millóns de euros en beneficios ao ano…”. O Círculo conflúe neste dilema, aínda que están de acordo en pagar por ver unha obra de arte. Hai que ponderar entre que ese beneficio sexa completamente privado e non subvencionado, ou que pase a ser público e se xestione como a administración pública considere”conclúe Lois Froiz.

r2 4
Deiviz Kostoya amosou parte da súa creación artística ao círculo.

Remitíndose á primeira nova analizada polo Círculo nesta xuntanza e á primeira reunión celebrada por este grupo, Deiviz Kostoya exemplifica sobre outro dos espazos emblemáticos da cidade e pon de novo sobre a mesa outro dos problemas económicos que poden deturpar a imaxe da cidade: “A Praza de Abastos parece moi enxebre, moi auténtica, aínda que agora xa se está turistizando. Están comezando a restaurar naves e a non deixar á xente local vender aí; está enfocandose todo aos turistas,

O Círculo concorda nas dificultades de fuxir da catedral e do Camiño, pois son a marca diferencial de Santiago, pero admiten que existen outras perspectivas tamén interesantes que amosar. É precisamente a converxencia do pasado e do actual o que enriquece a cidade, o seu contexto e as formas artísticas que poidan xurdir.

 

Participaron na conversa:

Santiago Acosta, músico, poeta e historiador da arte.

Luis E. Froiz, director, editor e montador de cine.

Deiviz Kostoya, pintor e xornalista.

Lara Salgado, xornalista e asesora de comunicación do Concello de Santiago.

Ángel Vidal, fotógrafo, músico e estudante de Maxisterio.

Un comentario en “Non é doado mudar o xeito de comunicar e ver Compostela, consensúa o Círculo de Representación da Cidade.”

  1. Concordo moito con todo o dito polo círculo. Opino que desde fóra de Galiza, efectivamente, a imaxe que se ten de Compostela é “catedral” e “Camiño”. Non podería ser diferente, xa que iso é o que leva intentándose décadas -sobre todo desde os anos 90- vender polas institucións, cunha clara pretensión económica. Vénseme á cabeza un anuncio de Estrella Galicia de 1996 (https://www.youtube.com/watch?v=1NQkROnFPOg) onde se intentaba promocionar esa idea de galeguidade da marca mediante a representación de diversos signos característicos de Galicia e, como non, da catedral.

    Pero tampouco debemos esquecer, como ben dixo Ángel, o que significa Santiago para o resto de Galicia. Non é a cidade máis grande, pero si a máis completa e a máis acolledora. Resulta notábel como, a pesar de toda a masificación turística que está a sufrir a cidade, entre os habitantes respírase unha comuñón. Como chantadino afincado aquí dende o pasado curso, antes de mudarme a Compostela xa era consciente do que ía supoñer para a miña vida. Non só pola grande oferta cultural -infinidade de museos, festivais de cine como Cineuropa ou a posibilidade de practicar deportes minoritarios en Galiza como quidditch ou a miña nova paixón, o fútbol gaélico(https://www.facebook.com/estrela.vermelha.71/)- da que gozo aquí, senón tamén porque esta cidade funciona como un núcleo no que atopei amigos doutras vilas que agora teño como veciños. Ademais diso, falando do ambiente universitario de Santiago, algo que me encanta é a empatía que se xera entre, á fin e ao cabo, miles de persoas que estamos aquí cun mesmo propósito. En poucas palabras, neste curso e medio que levo aquí, Compostela converteuse a todas luces no meu fogar.

    Gústame

Comentarios

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s