Como tratan os medios de Santiago ás mulleres mozas?

DSC_0033Mar Álvarez amosando unha noticia a María Mancebo, Xoán Domínguez, Sofía Rama e Uxía Castro

(16/11/18)

Muller: Mar Álvarez, Paula Padín e Antía Araújo

Libraría Lila de Lith

“O feito de que a dirección de todos os medios estea conformada por homes e que, xeralmente, os contidos os decidan os homes, provoca que teñamos a súa visión do mundo”, afirma Uxía Castro, representante da asociación Curuxa Feminista. En resposta, Sofía Rama, profesora e delegada sindical da CIGA na sección de educación en Compostela, engade que “isto provoca unha parte importante da ignorancia social mediática, pois os homes non sempre son conscientes do que nos pasa ás mulleres”.

Despois de analizar unha noticia (13 de outubro de 2018) de La Voz de Galicia sobre un acosador en Santiago, María Mancebo, representante do sindicato estudantil ANEGA, recoñece que “quedou alucinada con que o chamasen o sátiro, case están contando un conto clásico, a forma en que o propio medio trata o acosador e a vítima é flipante, parecía unha novela”. Sofía Rama, pola súa parte, engade que na noticia que viu sobre os feitos, “os medios introducían fotos dos cus das rapazas mentres que a cara do home aparecía pixelada”. Xoán Domínguez, estudante de Santiago, conclúe que “sempre se respecta máis ao acosador”. Uxía Castro resalta a expresión “escaso erotismo” presente na nova tratada, afirmando que “se supón que os medios deberían facer o seu papel pero ao final é o de sempre, autodefensa”.

Respecto a outra nova (10 de maio de 2018) de La Voz de Galicia sobre o profesor da USC, Luciano Méndez, todas as participantes do círculo coincidiron en que os medios limitáronse a darlle protagonismo e voz a el, aportando unha opinión cun escaso valor informativo. “A rapaza queda reducida ao escote”, afirma Xoán. Uxía, engade ao respecto que “algo que se denuncia e se reclama finalmente vólvese morbo e non se lle dá a importancia social que ten porque finalmente estanse a ver cousas fóra de lugar nos medios, dándolle voz a esta xente cando non o merece”. Sofía Rama tamén aportou a súa opinión afirmando que “a maioría dos homes que dirixen os medios e reciben iso, non o ven, entenden que un escote pode molestarlle, ese é o problema de verdade”. Todas están de acordo en que ningún medio vai reflectir que o problema está na mente dese profesor e que a gravidade está en quen mira. “No caso das violacións sempre está a presunción de inocencia do agresor antes que a presunción de verdade da propia vítima, á cal nunca se acode coma fonte”, asegura Uxía Castro.

Outra nova (24 de outubro de 2018) presente na reunión foi a referida a Érika Diz, alumna coa mellor cualificación nos premios fin de carreira. Uxía coñece a rapaza e conta que obtivo moitos títulos, afirmando a importancia de sinalar en primeiro termo no titular o seu nome, para unha maior representatividade. Todas reclaman tamén que se lle adique máis espazo no xornal, xa que é moito máis visual e terá máis repercusión. “Como mestra, cando pido traballos, hai moitas alumnas mentres que os alumnos son unha excepción normalmente, pero nos medios sempre aparece o termo masculino” aporta Sofía Rama.

DSC_0050                                  Na imaxe: María Mancebo e Xoán Domínguez

Ante unha serie de novas relacionadas co deporte feminino, concretamente analizando unha entrevista (5 de setembro de 2008) de La Voz de Galicia, Uxía Castro pregunta “por que non se entrevista as rapazas. Até no deporte feminino hai que entrevistar os homes!”, Sofía Rama engade que “isto é a opinión dun señor, as protagonistas son elas. Por que sae isto nun medio?”. Ademais, Xoán Domínguez expón que “se supón que é unha noticia que pretende reivindicar o deporte feminino pero consegue totalmente o contrario”. “Hai que controlar a quen se lle fai a entrevista”, conclúen María Mancebo.

Tamén en relación co deporte, outra nova (13 de novembro de 2018) de El Correo Gallego, tratada fixo que Uxía Castro afirmara que “o equipo principal é sempre o masculino”. Xoán Domínguez, pola súa parte, opina que  “incluso cando se intenta reivindicar o deporte feminino nos medios se fai cun ton condescendente”. María Mancebo engade que “necesitamos referentes femininos nos medios, non temos recoñecemento, é unha desmotivación, e é algo que ocorre en calquera ámbito”. Ante este problema, Xoán responde dicindo que “os xornalistas non son conscientes da problemática que crean e que transmiten, falta formación e educación”. “Escriben iso porque o mamaron, porque é o que viviron, entón reprodúceno”, resume Sofía Rama.

DSC_0044                                        Na imaxe: Sofía Rama e Uxía Castro

Outro punto a tratar na reunión é o dos asasinatos como mostra extrema da violencia de xénero a mulleres novas. A partir da noticia (18 de decembro 2016) de El Correo Gallego, Uxía Castro declara que  “ten que haber unha intencionalidade detrás disto, non pode ser que teñamos unha linguaxe tan clara para o terrorismo ou outros temas sociais, e no tema da violencia de xénero sigamos empregando unha linguaxe tan pouco inclusiva e desprezante”. Como resposta a isto, Sofía Rama expón que “os medios crean o discurso, escollen as palabras e crean opinión, e non queren que lles cambien o relato. O relato que os medios crean no referido á violencia de xénero é que vivimos nunha sociedade patriarcal e para seguir así necesítase destes para perpetuar os roles machistas”. “É unha forma de manter o sistema”, conclúe María Mancebo.

As participantes do círculo concordan en que “todo o que sae nos medios inflúe, crea unha opinión. Hoxe en día, nin informan nin forman, simplemente configuran unha ideoloxía determinada cuns principios determinados, e ese é o problema principal dos medios actuais. Pero do mesmo xeito, se quen leva os medios, informa, forma e transmite uns bos valores mediante este gran instrumento de concienciación, sería moito mellor, e iso é o que hai que cambiar”.

Co noso círculo de lectura, acordamos realizar como acción final a escolla dunha serie de titulares mal formulados coa súa correspondente corrección e colgalos pola cidade de Compostela. Para levar a cabo dito proxecto, contariamos coa axuda do círculo que buscarían e corrixirían con nós ditos titulares.

Conversaron connosco:

Uxía Castro, Curuxa Feminista.

Sofía Rama, profesora. CIGA.

María Mancebo, ANEGA.

Xoán Domínguez, estudante.

Un comentario en “Como tratan os medios de Santiago ás mulleres mozas?”

Comentarios

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s