O Círculo de Representación da cidade explora as posibilidades dunha futura Compostela

(15/11/2018)

Representación da Cidade: Pablo Rañales, Celia Eiras e Eugenio Muñoz.

Cafetería Airas Nunes – Rúa do Vilar

Abrimos a terceira e última reunión do noso Círculo crítico cun artigo de Sermos Galiza (9 de xuño de 2018) sobre o estado actual da Cidade da Cultura. “Para o tamaño que ten a cidade de Santiago, facer unha construción que sexa exclusivamente cultural e teña o tamaño da propia cidade vella é demasiado ambicioso”, opina Santi Acosta, poeta e estudante de Historia da arte.

Todos semellan concordar en que o complexo arquitectónico presenta serios problemas. Ángel Vidal, fotógrafo e músico, considera que “está desconectada da cidade, tanto pola súa distancia do centro como polas posibilidades para desprazarse ata o Gaiás”. Xorden diversos termos para definir a Cidade da Cultura: Ángel denomínaa “obra faraónica”; Lois Froiz, cineasta, como “cidade pantasma”. Lois formúlase se “debe a Xunta de Galicia mantelo ou recoñecer que foi un erro? Sería recoñecer que tiraron centos de millóns de euros” […] “Ata onde é xustificable ter gastado tanto en construír un edificio cando xa existían outros que se poderían mellorar en infraestrutura?”.

Ante a nova de El Correo Gallego (21 de outubro de 2018) centrada no novo e último espazo a edificar na Cidade da Cultura, que acollerá servizos transversais para as tres universidades galegas e un centro de estudo do patrimonio e do Camiño, Lois sinala que “para xestionar esas cousas mellor vas a unha oficina, ou o fas vía telefónica ou telemática. Si que penso que está ben anexionar as tres universidades galegas, repensar a Universidade en Galicia, pero por outras vías”. Ángel Vidal engade que “a estratexia que se está a desenvolver agora desde as institucións e os medios de comunicación supoñen un lavado de cara, de xeito que se intenta dar un sentido á existencia do complexo”. “Estase facendo un esforzo por facer cousas novas, como o ciclo de concertos de Atardecer no Gaiás, pero realmente son moi puntuais”, opina Santi Acosta.

Das lacras da Cidade da Cultura na súa pretensión por establecer un marco cultural en Galicia, comezan a xurdir na conversa outras necesidades da cidade. “Boto en falta un centro sociocultural autoxestionado en Compostela, un lugar onde se fagan actividades de todo tipo”, sinala Lois. Pola súa banda, Santi opina que “unha cidade artística como Santiago precisa un espazo onde os pequenos artistas poidan expoñer o seu traballo” […] “O CGAC ten salas completamente baleiras, coa cantidade de xente en Compostela que fai arte e non ten nin un espazo onde se poida dar a coñecer”. Deiviz Kostoya, xornalista e pintor, alude a unha proposta na que participa como pintor, a Walking Gallery: “Os artistas de Santiago levamos un par de anos saíndo cos cadros á rúa”.

DSC_0316
Máis arte underground, un centro sociocultural autoxestionado ou un espazo para os artistas composteláns, algunhas das novas ideas do Círculo. Na fotografía, Santi e Lois.

O Círculo formula solucións comunicativas ante estas necesidades de Compostela. “Creo que a mellor forma de comunicar unha arte propia e underground é o boca a boca”, apunta Santi. Ángel engade que “se xa nin as cousas oficiais, que veñen da man das institucións, non son sinxelas de comunicar mediante unha estratexia comunicativa de masas, o boca a boca é a única opción. Atraer xente de xeito informal, porque xa nin as redes sociais funcionan para iso”.

Relacionado coa pouca presenza da cultura nos medios, Lois fala da existencia de certa “reciprocidade”: “Á sociedade de masas non lle interesa extremadamente a cultura, e os medios de comunicación son empresas ás que lles interesa vender, alén dos intereses políticos que poidan ter.  A cultura non se fomenta porque non interesa achegarse a ela”. Pon como exemplo contrario desta praxe que esquece as actuacións culturais ao festival Cineuropa, e comenta o éxito dalgunhas das súas proxeccións debido ó “esforzo por reivindicar o festival desde a política comunicativa local”.

Saen á luz iniciativas alternativas aos medios de comunicación, como mola.gal, que abandeira o propio Lois Froiz. “Están a xurdir un montón de propostas semellantes, cada unha coa súa perspectiva, pero que nacen da mesma pretensión: ofrecer información cultural en galego”, declara antes de enumerar algunhas das plataformas:  A que cheira, papá?, Balea cultural, Disquecool, A Cuarta Parede, Morcego

A última parte da sesión está ligada á nova de El Correo Gallego (28 de setembro de 2018) sobre o Xacobeo 2021 e a súa organización. Despois de analizar as posibilidades do Gaiás e as necesidades de Compostela, o Círculo péchase mirando cara ó futuro, pero atopando nel as mesmas conclusións que no resto de reunións. “Con isto que di Feijoó de proxectar Galicia no mundo volvemos un pouco ao mesmo. Porque, que Galiza están a proxectar? Unha Galiza moi pequena da catedral e do Camiño”, opina Lois. Tamén engade que existe o festival intercéltico de Lorient, onde o próximo ano Galicia será a nación principal, aínda que desde aquí non se proxecte esa conciencia de país.

O Círculo crítico termina as súas reunións realizando un círculo en si mesmo; a representación da cidade continúa no futuro pola mesma senda que na actualidade, sen dar moito a pé a outras visións alternativas e subxugada ó patrimonio artístico clásico. Mais outra Compostela é posible, unha Compostela que coexista coa catedral pero que manteña unha vida cultural e artística máis aló dela, cunha maior efectividade dos medios de comunicación.

 

Participaron na conversa:

Santi Acosta, músico, poeta e estudante de Historia da arte.

Luis E. Froiz, director, montador e montador de cine.

Deiviz Kostoya, pintor e xornalista.

Ángel Vidal, fotógrafo, músico e estudante de Maxisterio.

Autor: Pablo J. Rañales Pérez

Del 99. Gallego. Escritor novel. Estudiante de periodismo en la USC. Profesor de escritura creativa en el Círculo de Ares.

Comentarios

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s