Os salarios na vida real. O abuso de datos por parte dos medios.

(22/11/2018)

Pobreza: Paula Antón, Sara Gil e Xulia Lomba.

Centro Sociocultural do Ensanche.

Miguel Fernández, presidente de Plataforma polo Emprego, falando dunha das noticias.

O pasado xoves celebramos a última reunión do círculo de Pobreza. Abrimos cunha noticia de La Voz de Galicia, do 22/04/2018, onde se falaba do aumento da subida dos produtos básicos. “Para min esta noticia dá tantos datos que, como lector, non a entendo perfectamente. […] Gustaríame que me dixeran canto me vai afectar esta subida.  Se che dan tanta cifra ao final non te decatas de como che afecta no peto” critica José Barros, estudante de Xornalismo. Nerea Gil, coordinadora de aulas en Cáritas, pregúntase a si mesma a quen vai dirixido este tipo de noticias, e respóndese: “Non todos temos as mesmas facilidades para entender, non podemos comparar a alguén coma min, que teño 20 anos, có meu avó de 80. A información nos medios parece que é unha forma de facernos más accesibles a ela. Mais só nos dan datos. E ti tes que interpretalos”. Para Miguel Fernández, presidente de Plataforma polo Emprego, a noticia en si está ben estruturada: “Para min esta noticia está ben, o seu titular fala do mesmo que o texto, só de produtos básicos”. Ao que José Barros responde: “Para min agora mesmo internet tamén é básico, e non se reflicte este gasto. Entendo que trata a cesta da compra, pero internet é parte dos gastos básicos”.

IMG_1850
O grupo de Pobreza reunido.

Trocamos de noticia, a unha de El Correo Gallego datada no 21/01/2018, onde os participantes chegan a unha conclusión: volvemos a ter diante de nós unha noticia que só amosa datos.

Para José é un análise moi simplista: “Non atenden aos diferentes perfís de familia. Cantas persoas hai, o contexto no que viven ou os imprevistos que poidan ter”. Miguel reforza está visión: “Esta noticia amosa o que sería unha media, polo que non amosa a realidade”. José Barros comenta: “Gustaríame saber que criterios segue, para amosar o exemplo das familias que dispoñen de 1500 euros ao mes. Porque así se da a entender que todas as familias, ou a meirande parte teñen ese presuposto”. Ademais Miguel explica: “En temas de pobreza hai uns indicadores, pero ás veces os xornalistas non fan uso deles. Hai unha serie de indicadores cualitativos que debemos ter en conta, como que de súpeto haxa un imprevisto. Porque estes datos que nos ofrece a noticia son indicadores cuantitativos, pero na vida real hai factores moi importantes, como o contexto”.

IMG_1838
Nerea Gil explicando as súas conclusións.

Outro dato a ter en conta nesta noticia é o titular. Miguel di: “Este títular é moi sensacionalista”. Ao que José Barros engade: “Xa, este titular esperaríao nun artigo de opinión. Non pega un titular tan poético coa parrafada de datos que me expón despois”.

Retomamos a idea de que estas noticias só ofrecen datos. Miguel expón a dificultade de atopar una fonte visible: “O xornalista ás veces si que intenta pedir xente, porque unha testemuña vende moito, pero é moi difícil. Polo que se acaban facendo noticias de datos como esta. […] Atopar a alguén que gañe menos de 500 euros e que sexa visible é moi difícil”. Nerea pensa que non ten por que ser visible: “O xornalista tería que asumir o anonimato moitas máis veces das que se asume, a descrición do perfil debería chegar”. José Barros, que non pensa desta maneira, explica: “Como lector, eu prefiro unha noticia con nome ou foto, porque así me decato de que as cousas pasan de verdade”. Mar Souto, estudante de Traballo Social, tamén pensa o mesmo que José: “Se tes unha testemuña todo é máis fácil. Tes que ver como se sinte a vítima e non só mediante o uso de datos”.

Pechamos a reunión cunha nova de EuropaPress do 29/05/2018, onde se indica que Galicia atópase no cuarto lugar pola cola en salarios anuais, sendo un dos máis baixos.

Nerea pregunta: “Cal é a finalidade de facer este ranking?”. Ao que José di: “A min se me fas este ranking, gustaríame saber a situación pola que certas comunidades autónomas están máis abaixo. Non entendo por que non me dan o porqué ou posibles solucións. Desta forma, facer isto é discriminatorio”.

Ademais a cifra de salario anual dos menores de 20 anos amosada na nova é de menos de 600 euros ao mes. Noa Ramírez, estudante de Traballo Social, comenta: “É algo realmente baixo, porque non todo o mundo ten uns pais que lle poidan axudar, se estás totalmente independizado non che dan as contas.” Ao que Jose Barros conclúe: “É que si aos 16 anos estás capacitado para traballar, por que non estás capacitado para cobrar o mesmo antes dos 20 que despois?”

Concluímos confirmando outro día máis que a pobreza non é só números. Deberíase dar algo máis que datos, cómpre atopar testemuñas. Á súa vez, tamén sería preciso que cando se usen datos, estes amosen a realidade, e sobre todo por que se empregan medias ou certos datos como forma espello da poboación.

Conversaron connosco:

José Barros, estudante de Xornalismo.

Nerea Gil, coordinadora de aulas en Cáritas e estudante na facultade de Maxisterio da USC.

Miguel Fernández, presidente de Plataforma polo Emprego.

Mar Souto, estudante de Traballo Social en Santiago

Noa Ramírez, estudante de Traballo Social en Santiago.

 

Comentarios

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s