Acción final: análise e revisión dos círculos

 

Difusión

É preciso planificar unha estratexia de difusión con anterioridade á posta en marcha dos círculos. Posto que se debe levar a cabo unha difusión previa á organización dos mesmos, de cara a que se implementen co apoio do tecido social urbán. Hai que tecer unha rede de conexións coas asociacións e medios alternativos da cidade, para fornecer a visibilidade do traballo dos círculos e acadar que a cidadanía compostelá se apropie dos mesmos como ferramenta de autorrepresentación e control social das empresas mediáticas. Durante a celebración das reunións, a estratexia de difusión debe cimentarse sobre o intercambio comunicativo e informativo coas persoas que participan e as asociacións ás que representan (si é o caso). As mesmas deben difundir o traballo dos círculos, así como incentivar o debate a través da web e redes sociais do proxecto.

Axendas

Como consecuencia da debilidade do terreo da difusión, o proceso de conformación das axendas de cada un dos círculos foi complicado. As mesmas foron reducidas e inestables. En demasiadas reunións participaron unicamente 3 persoas, iso provocou que os debates xerados foran menos plurais e que nos mesmos se puideran contrapoñer máis puntos de vista. Algunhas reunións tiveron que pospoñerse, por fallar algunha das persoas que ían participar nas mesmas. A premura dos tempos establecidos para levar a cabo os traballos contribuíron a que a conformación das axendas fose tan complexa e accidentada. Se o Observatorio acada visibilidade na cidade e goza de continuidade no tempo, esta fase resultará moito máis sinxela de solventar de forma óptima.

 

Funcionamento dos círculos

As persoas que conformaron os círculos de lectura sinalaron de forma unánime que estes son unha metodoloxía áxil e aberta á negociación entre os estudantes e os participantes. De tal forma que permiten que as reunións se adapten ás necesidades da xente que forma parte das mesmas. Ademais, esta metodoloxía facilita a contraposición de argumentos e hipóteses, así como a posibilidade de matizar os mesmos segundo avanza a reunión e flúe o diálogo entre as persoas. Isto repercute na posibilidade de chegar a consensos e permite a construción de discursos máis sólidos.

As persoas participantes fixeron súa a metodoloxía e achegaron novas ás reunións dos círculos, enriquecendo así as análises efectuadas. O cal amosa que esta ferramenta sirve para fomentar a construción dunha cidadanía de alta intensidade, comprometida e crítica.

Aínda que os participantes nos círculos que asistiron á reunión final de análise avaliaron positivamente o funcionamento dos mesmos, detectáronse unha serie de problemas en dous destes (C1-Mobilidad e C5 -Universidade e cidade). Estes problemas débense ter en conta de cara á futura implementación de novos círculos:

  • Falta de introdución na mecánica dos círculos: como funcionan? en que consisten? cales son os obxectivos?
  • O posicionamento persoal inicial dos estudantes nos temas a debater foi demasiado ríxido e as hipóteses que manexaban non estaban sustentadas de forma idónea con datos e informacións.

Ademais, cabería engadir que se detectou a falta de aportación de material audiovisual por parte dos estudantes. Así, forneceron os debates dos círculos con informacións publicadas na prensa (e na versión web dos medios), pero non con produtos televisivos ou radiofónicos. Tamen se primaron os contidos das empresas mediáticas tradicionais. Por ilo, sería necesario incorporar ao fluxo informativo dos círculos, contidos dos medios alternativos e dos medios comunitarios. E prestar especial atención aos contidos dos medios públicos galegos, de cara a analizar se os mesmos levan a cabo, ou non, a función de servizo público que teñen encomendada.

As accións e o seu impacto na cidade

Se ben algunhas accións si acadaron un alto nivel de visibilidade na cidade (C4-Representación, C2-Muller, C1-Mobilidade), outras non foron quen de levar ao espazo urbano e aos lugares de conflito as problemáticas detectadas e analizadas nos círculos (C-4Pobreza, C-5Universidade). De cara ao futuro compre darlle maior relevancia ás accións, posto que as mesmas serven para difundir o proxecto e os debates creados. Son un instrumento fundamental para que os círculos poidan pasar da deliberación á acción e para que o traballo realizado chegue á cidadanía e ocupe un espazo na opinión pública urbana.

Análises e conclusións dos estudantes

Quizás o elemento máis débil, no relativo ao proceso de formación dos estudantes é o fortalecemento da capacidade analítica dos mesmos. Nin nos resumos de cada unha das reunións, nin nos informes final, se pode apreciar unha análise crítica dos debates emprendidos polos círculos, nin unha visión propia das problemáticas tratadas. Dos cinco informes finais, so o do círculo de representación da cidade ofrece unha análise a fondo das cuestións sobre as que xiraron as reunións e acción final deste grupo, ademais de apuntar posibles solucións aos problemas urbáns detectados. Por ilo sería interesante introducir ao alumnado nas ferramentas da análise crítica do discurso, de cara a que poidan aplicar as mesmas, tanto ás reunións, como á avaliación final do traballo.

Análise e conclusións dos participantes nos círculos

  • Eivas fundamentais das informacións: sensacionalismo, espectacularización e falta de contextualización e profundización.
  • Invisibilización de realidades e grupos sociais.
  • Problemas na estrutura das empresas mediáticas. Falta de acceso das mulleres a postos directivos.
  • Necesidade de visibilizar o traballo levado a cabo, fronte as réplicas vertidas dende os medios tradicionais, neste caso El Correo Gallego.

Oportunidades abertas de cara ao futuro

  • Esta experiencia amosa que existe un eido aberto para apostar pola creación de novos proxectos e medios que ocupen o espazo deixado polos medios tradicionais no terreo comunicativo.
  • Xurdimento de propostas por parte dos participantes: expansión dos círculos por toda a cidade, periodicidade fixa dos mesmos e establecemento de bloques temáticos, de tal forma de que en cada reunión se trate unha problemática urbana concreta, ofrecendo solucións e analizando os discursos mediáticos ao respecto. Estas propostas deben terse en conta de cara a fornecer o Observatorio e posibilitar a súa continuidade e consolidación.